lunes. 09.12.2024

“Todas as institucións responden, o comercio todo responde, Xinzo responde”, dixo Concha Conde, presidenta de ProLimia, na presentación onte martes na Casa do Concello de Xinzo da segunda edición da Feira do Comercio que se celebrará os días 26, 27 e 28 de agosto no pavillón de Xinzo. “E queremos agradece este apoio dando presencia no stand de ProLimia a todas as asociación que desenvolven traballo en Xinzo e na Limia, xa sexan de hostaleiros, deportivas ou de saúde”, subliñou a representante dos comerciantes, que compartiu a presentación coa alcaldesa, Elvira Lama, dous concelleiros, Manuel Pérez Campos (comercio) e Amador Díaz (medio rural), e a xerente do Inorde, Emma González.


A feira abrirase ás 12:00 horas do venres día 26, e esa mañá haberá degustación de produtos locais e unha actuación da Agrupación Musical da Limia. A tarde do primeiro día, haberá un taller de barro, impartido por Arte Arrebol, e a primeira sesión do bingo que repartirá premios entre os visitantes. ProLimia crea un evento para todos os públicos, con “colchonetas” á entrada do recinto, talleres de macramé, un torneo de minibásket que organizará o club AB Xinzo e música.


Ademais da actuación da Agrupación Musical da Limia o venres, haberá sesións vermú o sábado e o domingo a cargo de Disco Móbil, e un Dj animará o recinto segundo avanzou Concha Conde nunha presentación que se atrasou uns minutos (“desculpen, somos comerciantes, e andamos sempre cos horarios estirados”, escusouse a presidenta). Unha ampla representación das comerciantes da vila estivo presente na Casa do Concello para arroupar a presentación.

“O ano pasado había dúbidas, certo medo; mais a primeira edición da Feira do Comercio foi un éxito. As directivas das asociacións teñen que tirar dos socios e animalos a facer cousas como esta” (Amador Díaz)


A localidade arranca tres fins de semanas intensas, co festexo do Esquecemento a partir de pasado mañá, a Feira do Comercio a fin de semana seguinte, e a Feira da Pataca a primeira fin de semana de setembro. “Lembro que o ano pasado había dúbidas, certo medo; mais a primeira edición da Feira do Comercio foi un éxito”, dixo Amador Díaz, responsábel municipal de medio rural e tamén impulsor da Feira da Pataca. E engadiu: “Penso que as directivas das asociacións teñen que tirar dos socios e animalos a facer cousas como esta”.


Pola súa parte, a alcaldesa, Elvira Lama, insistiu en que “apostar polo comercio é apostar pola vila” e opinou que o comercio "séntese tocado, non só pola pandemia, senón tamén por esas compras compulsivas a través de Internet”. O concelleiro de Comercio ponderou as iniciativas tomadas desde o goberno municipal en apoio ao comercio durante a pandemia (taxa do lixo, material sanitario) e asegurou que “Xinzo está sempre traballando polo comercio". A xerente do Inorde explicou que a entidade que dirixe puxo en marcha unha liña de axudas, dotada pola Deputación, ás asociacións de comerciantes das vilas, aínda que non concretou a cantidade nin a parte que recibiu ProLimia.

NOTICIAS XINZO | ProLimia crea un evento para todos os públicos para animar o comercio