jueves. 02.05.2024

Xinzo de Limia acollerá este domingo 21 de abril, por segundo ano consecutivo, o campionato galego de OCR e Copa OCRA Galicia "O Camiño Race". A proba, organizada por OCRA Galicia, Diesemm Eventos e Fusión Fitness, contará con máis de 600 inscritos e foi presentada esta mañá no Concello de Xinzo, da man do seu alcalde, Amador Díaz; do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; do delegado da Xunta para o Deporte Provincial, Manuel Pérez; da concelleira de Deportes de Xinzo, Cristina Campero; así como dos seus organizadores, David Suárez, presidente de OCRA Galicia, e Tania Cardenal, responsable de Fusión Fitness.


"Fomentamos o deporte, fomentamos a cultura, fomentamos quen somos e que é Xinzo", dixo o alcalde, Amador Díaz, tras presentar a carreira. "E se aínda por riba somos capaces de que a hostalaría teña un cheo absoluto, é o que intentamos conseguir dende as institucions", continuaba Amador Díaz subliñando: "Esperamos que a xente que veña desfrute e goce da carreira e que sexa un éxito".


Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Cristina Campero, aplaudiu a afluencia que agarda Xinzo para o domingo tendo en conta que "o tempo nos vai respectar". Con todo, destacou o traballo da organización durante os últimos meses: "Valoramos o traballo desta xentiña que leva meses loitando para que esta proba poida ser posible".

Turismo deportivo

A OCR revelación galega abre a tempada do calendario galego de carreiras de obstáculos. Dende a organización, David Suárez, o presidente de OCRA Galicia e CEO de Diesemm, subliñou a "enorme satisfacción porque a carreira tivo unha acollida espectacular". Esta carreira supón "unha aposta polo turismo deportivo que pon en valor a vila, a súa contorna e o Camiño de Santiago da Vía da Prata ou tamén coñecido como Camiño Mozárabe", afirmou David Suárez.


"Centos de deportistas e as súas familias visitarán Xinzo e poderán coñecer a súa historia, percorrer os seus bares e durmir nos seus hoteis", sinalou. Neste senso, Suárez destacou que o 37% dos inscritos son mulleres, "un dato boísimo que nos achega cada vez máis á paridade nun deporte moi masculinizado". Ademais, máis de dous terzos dos inscritos son de fóra da provincia, o que "pon en valor a proba como potencia turística"

Percorridos con sorpresas

Tania Cardenal, de Fusión Fitness, avanzou "moitas sorpresas" nun ano no que se inclúe, ademais do percorrido urbano, "un tramo montañoso". Esta edición "gaña en calidade", xa que haberá dous percorridos. un máis asequible para os denominados populares, aqueles corredores menos expertos que, máis alá de competir, "queren desfrutar ao máximo dun día de diversión facendo deporte". Eles correrán 7,5 quilómetros de carreira e terán que saltar 32 obstáculos. Ademais, os participantes nesta categoría poderán competir tamén por equipos.

O outro percorrido será "máis esixente e competitivo", subraia a organizadora, composto por 11 quilómetros e 40 obstáculos, "para aquelas persoas que xa teñen sobrada experiencia en carreiras de obstáculos e que estean en plena forma". Por outra parte, destacou a participación dos menores que participan en dúas categorías infantís: de 4 a 7 anos e de 8 a 12. A proba contará con máis 80 nenos e nenas que competirán en catro tandas, dúas por tramo de idade.

NOTICIAS XINZO | Por segundo ano consecutivo, o campionato galego de carreiras de...