martes. 23.04.2024

A Escola de Música da Limia (ESMULI) ofrece mañá un concerto de Nadal para a veciñanza, no que se reunirá a un cento de músicos das diferentes formacións colectivas. A cita comezará ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Xinzo e durará pouco máis dunha hora. Polo escenario pasarán a Agrupación Musical da Limia, a Coral Santa Mariña, a Chikiband e os alumnos de Música e Movemento. "Xuntaremos a unhas 130 persoas para actuar neste concerto", destaca José Luis Tielas, coordinador da ESMULI e director da Agrupación Musical da Limia.

Os primeiros en actuar serán os 37 cativos, de entre tres e cinco anos, alumnos de Música e Movemento, que porán o toque festivo do evento cantando algunhas panxoliñas, entre outras cousas. "É unha pasada a cantidade de nenos que temos este ano", apunta Tielas.

Os máis pequenos darán paso á Chikiband, que vén de ser a gañadora na Sección Infantil do Certame Galego de Bandas de Música a principios deste mes. "Os rapaces interpretarán o programa co que gañaron e esta actuación servirá como unha homenaxe para eles", asegura Tielas, sobre esta formación con integrantes que van dos sete aos 15 anos. Interpretarán, ao igual que o fixeron en Celanova, "A lenda de Breogán" e "A pastoriza".

 

A Agrupación Musical da Limia será a seguinte en actuar e interpretará unha única peza de 15 minutos chamada "Sajelbon". Nela mestúranse música electrónica e de banda e, pese a que os membros da agrupación só tiveron un mes para preparala, seguro que sorprenden ao público. Por último, a Coral Santa Mariña subirá ao escenario para cantar máis pezas musicais. Esta festa do Nadal rematará cun repertorio popular galego para poñerlle fin ao cocerto.

Inmersos no presente curso, a ESMULI contará nesta actividade de Nadal cun gran número de persoas que reflexan o seu éxito. "Este ano batimos outra vez o récord de matriculacións e vamos bastante ben", afirma Tielas. O que lamenta é que Xinzo non conte cun espazo acorde para o tipo de actividades que se poden chegar a organizar na ESMULI. "Estamos moi limitados porque só dispoñemos do salón de actos da Casa da Cultura, no que moitas veces non colle a xente que temos, ou da igrexa de Santa Mariña, que non sempre é o sitio máis axeitado para as pezas que queremos interpretar", explica Tielas.

Cartel do concerto de Nadal da Escola de Música da Limia.
Cartel do concerto de Nadal da Escola de Música da Limia.

NOTICIAS XINZO | A ESMULI reunirá a uns 130 músicos no seu concerto de Nadal