viernes. 04.10.2024

A Casa da Cultura de Xinzo acolle hoxe unha xornada de proxeccións audiovisuais contra o despoboamento, ás que se lle renderá homenaxe por escollelo como tema principal, nunha actividade que leva por lema "Por un rural habitado e habitable". O CDR O Viso e o Concello están detrás desta iniciativa na que se poderán ver, a partir das 20:30 horas, as curtas "Retratos do silencio", de Mirian Opazo; e "#EU FICO", realizada por diversos colectivos, empresas e persoas da Limia.

O traballo de Opazo, co que gañou o segundo premio no certame Xuventude Crea 2022 na categoría Videocreación, está inspirado na súa aldea materna Escornabois, en Trasmiras. A curta "fala do despoboamento do rural e do seu abandono, aínda que a min gústame dicir que trata de habitar ausencias"explicaba a este medio a limiá, despois de recibir o premio.

 

A súa preocupación polo que o despoboamento está a provocar no rural, no se caso en Escornabois, foi o que a alentou a crear a curta "Retratos do silencio". A peza, como ela mesma di, naceu "máis dunha preocupación política que de algo artístico".

A segunda proposta que se proxectará, "#EU FICO", naceu trala pandemia ao redor da Arca de Noe, en Vilar de Santos. A curta recolle testemuñas de persoas que se instalaron, de xeito laboral e persoal, na Limia. Amosan exemplos de que é posible vivir e emprender no rural ao quedar nel e apostar por el.

NOTICIAS XINZO | O Viso homenaxea ao audiovisual que pon o foco no despoboamento