lunes. 06.05.2024

A proba O Camiño Race da Copa OCRA Galicia presentouse esta mañá no Concello de Xinzo, a catro días da súa celebración na vila. Uns 530 corredores, "todo un récord de participación", apuntou a alcaldesa, Elvira Lama, sairán o domingo do Toural para percorrer un circuíto que pasará por diversas rúas do casco vello e pola ribeira do Limia.

Na presentación, na que tamén estiveron presentes os concelleiros Ramón Gómez, de Urbanismo e Mobilidade; e Rafa Penabad, de Deportes; o director desta proba, Manuel Blanco, destacou que campións de España e do mundo de carreiras de obstáculos estarán presentes en Xinzo. "A proba Élite será moi atractiva para o público polos obstáculos que terán que superar e porque participan diferentes atletas que xa foron campións de España e do mundo nesta modalidade", destacou. O gañador e a gañadora desta categoría serán coroados como os mellores de Galicia.

 

As saídas serán por turnos e competirán primeiro uns 400 corredores da categoría Popular, ás 10:00 horas, para facer un percorrido de 7 quilómetros. Ás 12:00 horas será o turno dos nenos, dos que hai 40 inscritos, que correrán nun circuíto no Toural. Por último, ás 13:00 horas, sairán os case 100 atletas da categoría Élite para completar a proba de 9 quilómetros e 32 obstáculos que son de obrigatorio cumprimento.

Lama destacou na presentación que un 27% dos participantes son da provincia de Ourense, mentres que o 73% restante son corredores do resto de Galicia, de España e ata de Portugal. "Valorámolo moi positivamente para o turismo deportivo de Xinzo, de Ourense e de Galicia", engadiu.

Sobre como afectará ao tráfico esta proba, sinalouse na presentación que a circulación manterase, salvo en momento concretos do día. Os axentes, tanto da Policía Local como da Garda Civil, e os voluntarios de Protección Civil , cortarán o tráfico segundo sexa preciso. No caso das rúas do casco vello, o circuíto pechado para a proba obrigará a ter a circulación restrinxida durante a xornada.

NOTICIAS XINZO | Campeóns do mundo de carreiras de obstáculos participan na Copa OCRA...