viernes. 04.10.2024

Roberto Manso ten 39 anos, unha explotación de porcos en Santa Ana (Sandiás) e este ano plantou 50 hectáreas de cereal para a venda. “A colleita foi máis pequena. Houbo un descenso duns 1.000 quilos por hectárea, e nalgunhas fincas de cebada a produción caeu á metade. Se outros anos collías 3.500 quilos de trigo ou de cebada, pois este ano foron 2.500 ou menos de 2.000 no caso da cebada”.


Manso leva a explotación familiar desde os 25 anos. Ademais da granxa, plantan trigo da variedade Mulhacén e cebada para a venda, “tamén algo de pataca e temos tamén pradería”. Nun ano de mala colleita, os prezos subiron. “Pero o que se consegue equilibrar pola parte agrícola, acábalo perdendo despois na parte gandeira, porque os pensos subiron”, advirte.


“As enerxías que precisamos para producir dispararon o seu prezo. Todo subiu: a luz, o gasóleo, os abonos, os herbicidas e fitosanitarios... Todo. A situación é complicada para todos. Pero penso que en xeral as explotacións están consolidadas e resistirán a maioría. O certo é que o marxe de beneficio é mínimo”.


Roberto  Manso explica como as condicións climatolóxicas tampouco axudaron. O inverno foi máis seco do habitual. O clima entre marzo e maio foi óptimo para a sementeira. Mais despois non choveu. O trigo non xerminou, “salvo o que se sementou máis cedo porque si houbo algunha chuvia”. As circunstancias volvéronse torcer en canto as plantas saíron. Cando se empeza a producir o grao veu moito sol e temperaturas moi altas. O grao non medrou o que debía. Coa herba pasou o mesmo. “Houbo pouca porque en marzo e abril apenas choveu”.

Roberto Manso. Agricultor e gandeiro. Santa Ana. Sandiás (1) (FILEminimizer)
Roberto Manso, en Santa Ana (Sandiás).

Roberto fala diante de dous enormes tractores nun garaxe xunto a granxa de porcos. O pai del supervisa os traballos da mañá. Roberto é a segunda xeración de gandeiros e agricultores na casa. E é consciente de que vén unha época de mudanzas impostas tanto polas normas que se aplicarán como polas condicións do clima. 

No caso do cereal, a canle de comercialización é un almacenista de Xinzo de Limia, que despois vende a transformadores ou mesmo ensaca para a venda directa. No ano da crise de prezos e malia as tractorada “pouco se arranxou”, opina. “Os gastos aumentaron moito. E non van baixar”.

Despois están as novas normas. “Os galegos, xa se sabe, somos difíciles de cambiar. Aínda que pode que as novas xeracións teñamos as mentes máis abertas”, di, e confesa: “temos información, non moita, do que vén, e podo falar pouco da agricultura porque non mirei o tema; e da parte gandeira o que podo dicir é que estamos a expectativa, non diría que preocupados, pero si saberemos que custará”.


“Creo que canto mellor se fagan as cousas, é ben para todos”, afirma Roberto Manso. “Creo que botar a cantidade necesaria de abonos químicos e naturais para os terreos e para os cultivos, é ben para todos”.

“Teremos mellor produtos”, considera. “E para iso é certo que precisamos máis información e máis formación, e directrices concretas que seguir para que a comarca funcione, podamos vivir todos e non haxa contaminación”.


O agricultor e o gandeiro, subliña Roberto Manso ao final da conversa co Diario do Limia, “produce co máximo cariño, co que pensa que son as mellores maneiras e as mellores condicións; e estamos orgullosos do noso traballo e gustaríanos que os nosos produtos se promocionasen e se valorasen”.


En canto as alteracións no clima, Roberto fala pouco. Nesta cuestión si que a situación se define como preocupante. “E deberiamos preocuparnos todos. E se non é rendíbel o cereal, verémonos na obriga de cambiar de cultivos, teremos que buscar outros, cambiar maquinaria, cambiar a forma de traballar... E mire, xa se está a introducir a colza, que se adapta á seca, pero precisa terreos que non encharquen no inverno”.

NOTICIAS A LIMIA | “Canto mellor se fagan as cousas, ben para todos”