martes. 23.04.2024

A directora do IES García-Barbón, María Soledad Gómez, presentou aos concellos da comarca de Verín e da Limia e axentes dinamizadores de emprego a oferta formativa do centro para “evitar o éxodo do alumnado cara as cidades, moitas veces condicionado pola desinformación da oferta formativa que hai na zona”, segundo explicou.  

O centro conta actualmente con ensinanzas de Bacharelato, Educación Secundaria de Adultos, ciclos formativos da rama sanitaria, administrativa, instalación e mantemento e automoción, así como unha sección delegada da Escola Oficial de Idiomas e Aula Mentor.

Maite González, dinamizadora da Formación Profesional Dual, presentou o novo ciclo de Electromecánica de Maquinaria, que conta con 12 prazas e se impartirá no instituto verinés e en colaboración coas empresas:  Agrícola Suárez Sl, Comercial Agrícola Guerra SL, Agrícola Jairo SL, Agrícola Calvo SL, Jose Estévez As Ferreiras SL, Maquinaria para Excavacións de Galicia e Taller Agrícola Jaime. O período de solicitude neste ciclo realizarase de maneira telemática entre o 23 de xuño e o 5 de xullo. As solicitudes para os ciclos de grado medio e superior que se imparten de maneira presencial serán nas mesmas datas.

No acto tamén se presentou o viveiro de empresas co que conta o centro educativo, e que calquera persoa que queira crear unha empresa e estivera matriculado no sistema educativo galego nos últimos 4 anos, se lles facilitaría asesoramento, o espazo, teléfono e internet durante 1 ano e prorrogable durante outro ano. Toda a información sobre o viveiro pódese consultar na web do mesmo: https://www.viveiroiesgarciabarbon.com/

A xuntanza, á que estaban convidados os concellos de Trasmiras, Sarreaus, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz, Sandiás, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo da Limia, así como o CIX da Limia e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), entre outros, “serviu para establecer contacto cos axentes dinamizadores de emprego e establecer as necesidades de formación en cada un dos concellos e entidades de poboación, de cara a posibilidade de solicitar novos ciclos que se adapten as necesidades reais”, informa a organización nun comunicado de prensa.

NOTICIAS A LIMIA | Un instituto de Verín presenta a súa oferta formativa “para evitar o...