viernes. 26.04.2024

Achégase unha fin de semana moi movida para os veciños da comarca, cunha serie de actividades culturais ben diferentes entre sí. O sábado á mañá haberá unha andaina teatralizada en Baltar para descubrir a historia do Couto Mixto, no concello de Vilar de Barrio será o día da Feira do Mel, e para a tarde estará programada a gala de estreo da webserie Os Tempos Mortos do Führer no Concello de Xinzo.

Durante todo o domingo celebrarase a 41 edición da coñecida Festa da Pataca de Vilar de Barrio, e en Xinzo terá lugar o Torneo Lagoa da Antela onde competirá o equipo local do F.C. Antela.

SÁBADO DÍA 9:

Na mañá deste primeiro día festivo poderase desfrutar da feira mensual de Vilar de Barrio, esta vez centrada na temática do mel. Na praza do Toural da vila haberá expositores con diversas variedades do produto ademais de degustacións. O evento precederá á gran Festa da Pataca que se festexará ao día seguinte.

Para os amantes do teatro e das andainas, ás 10:30 horas da mañá, a oganización do Couto Mixto, xunto aos Concellos de Calvos de Randín e de Baltar, ofrecerán unha pequena ruta teatralizada -á mans dos membros da asociación cultural Platea Lúa- que explicarán dun xeito humorístico a historia das aldeas conformantes do Couto Mixto. A andaina iniciarase dende a rúa Os Pereiros Nº 2 de Meaus, en Baltar, e camiñarase ata Santiago de Rubiás e Rubiás. Para as 18:00 horas da tarde, o programa tamén ofrecerá unha sesión musical a cargo do grupo de rock Mitocondrias.

O aforo das actividades estará limitado por mor da normativa covid, é por iso que se debe realizar unha inscrición previa chamando ou escribindo ao 696 62 39 60, ou ben mediante email á dirección [email protected].

Cara ás 16:15 do sábado, na Casa da Cultura do Concello de Xinzo, realizarase a presentación da webserie con persoal limiá, Os Tempos Mortos do Führer. Na gala proxectarase o teaser e making off do proxecto e emitiranse os capítulos completos do mesmo. Tamén haberá un pequeno photocall e unha exposición na que se exhibirán diversos obxectos usados durante a gravación da serie, ademais dunha despedida final con pinchos. En caso de querer asistir ao evento deberase contactar por redes sociais ou a través do teléfono 689 48 89 06.

DOMINGO DÍA 10:

Durante a xornada de todo o domingo terá lugar, na praza do Toural do Concello de Vilar de Barrio, a coñecida e ansiada Festa da Pataca, a cal celebra este ano o seu 41 aniversario. O evento será un lugar de encontro para diversos empresarios e entidades do sector da agricultura, e convidará á asistencia dos veciños e curiosos da comarca da Limia e arredores. Na gala deste ano porase en valor a pataca de secaño, haberá expositores con diversas variedades do tubérculo, exhibicións de maquinaria agrícola, competicións variadas, e actividades para nenos.

Realizaranse concursos encadrados en catro categorías: o da pataca máis grande, a máis rara, conxunto de produtos de outono e produtos de outono individuais. O gañador de cada categoría recibirá 100 euros de premio, aos segundos clasificados entregaránselles 50 euros, e aos terceiros 25. Os participantes deberán facer entrega dos obxectos de competición antes das 16:30 horas.

Tamén se incluirá un concurso de manualidades para os máis pequenos -cativos de 0 a 12 anos- no que se entregarán trofeos para os gañadores e múltiples premios para os participantes. Haberá que presentar os traballos antes das 12:00 do mediodía.

Cara ás 17:00 horas da tarde do domingo dará comezo, no estadio da Moreira de Xinzo, o Torneo Lagoa da Antela. Nel competirán nun triangular os equipos de fútbol do Antela F.C, o C.D. de Seixalbo, e o C.F. A Peroxa. Para acceder ao recinto será necesario ter entrada, sendo o prezo por cada unha de 5 euros -a excepción dos socios que lles sairá gratis- .

AXENDA | Cinco propostas lúdicas para desfrutar da fin de semana limiá