jueves. 13.06.2024

"A explotación da Mina do Barroso contribuirá o desenvolvemento dunha rexión con graves problemas de despoboamento, con todos os beneficios económicos e sociais que dela veñan. A creación de postos de traballo directos ten unha importancia e magnitude elevadas na medida en que o concello de Boticas presenta un número reducido de oportunidades de emprego, o que ten conducido a continuas correntes de emigración", di un dos documentos presentados ao Estado portugués pola empresa British Savannah Resources, que pretende ampliar a Mina do Barroso, o proxecto de extracción de litio "máis importante de Europa occidental", como o presenta a propia compañía.

O Estado portugués ten sobre a mesa a ampliación, nunhas 70 hectáreas, da área de concesión para a explotación de cuarzo, feldespato e litio. A ampliación supón novas cortas e, ademais, novas infraestruturas de acceso e almacenamento e xestión de residuos. Grazas á Mina do Barroso, Savannah, que explota na actualidade 542 hectáreas, cunha concesión ate o 2036 prorrogábel por vinte anos, pretende converterse no primeiro produtor de litio en Europa, na carreira por controlar un elemento básico para as baterías dos coches eléctricos.

A ampliación supón aumentar os impactos sobre o territorio ao sur de Montalegre, a uns 30 quilómetros da raia, no veciño concello de Boticas. Hai aldeas a menos dun quilómetro da mina: Dornelas, Antigo, Covas do Barroso, Lousas, Muro, Romainho... esta a apenas 200 metros. As dimensións da mina a ceo aberto e a proximidade das poboacións indica afeccións severas ao modo de vida e mesmo á saúde das persoas.

No 2018 o Barroso foi unha das primeiras rexións europeas en ser declarada pola FAO como Sistema Importante do Patrimonio Agrícola Mundial.

Contra esta ampliación e outros proxectos que ameazan esta parte do Alto Támega, manifestáronse onte en Montalegre, coincidindo coa Feira do Fumeiro, unhas ducias de veciñas e activistas da plataforma do Movimento Não às Minas-Montalegre, baixo o lema: “Non ás minas, si á vida”

Manifestación en MontalegreManifestación este sábado en Montalegre contra a minaría. | FOTO: Movimento Não às Minas

A unha semana das lexislativas en Portugal e coincidindo coa rebelión veciñal en Baltar contra a LAT do Larouco, a protesta en Montalegre pón en evidencia a enorme presión sobre o territorio que se está a experimentar nas comarcas arraianas a un e outro lado da raia. Os problemas demográficos son semellantes e a riqueza enerxética (hidroeléctrica, eólica ou mineira) tamén. Até agora, a protesta social estaba sendo tímida. 

Hai uns meses, o suplemento de negocios do Diário de Notícias cualificou a rexión do Barroso como unha zona “moribunda” nunha entrevista co CEO de British Savannah Resources, David Archer. Desde o movemento ecoloxista, lembran que no 2018 o Barroso foi unha das primeiras rexións europeas en ser declarada pola FAO como Sistema Importante do Patrimonio Agrícola Mundial, polo seu sistema agrario, silvícola e pastoril na que árbores e culturas coexisten, cunha poboación que conserva unha forma tradicional de traballar a terra, coidar o gando e prestar axuda mutua.

Mina do Barroso. Área proposta ampliación en amarelo. Concesión desde 2016, en vermelloEn amarelo, a área de ampliación. En vermello, o perímetro da concesión mineira actual (2016).

O Barroso tamén fai parte da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, creada en 2009. O Estado portugués informou das características do proxecto en ampliación ao Reino de España, que apareceu no BOE o pasado 3 de agosto de 2021. Acordos internacionais en materia de medio ambiente esixen destes protocolos cando hai afeccións no outro lado da fronteira. 

Co proxecto ambiental aprobado, a compañía anunciou que espera que a nova mina empece a producir o ano que vén. British Savannah Resources aspira a abastecer co litio extraído do Barroso a medio millón de coches eléctricos. Mais en Montalegre os activistas soñan con outro futuro para a súa rexión e despois de tres anos de loita non teñen intención de se render. Teñen a axenda moi ocupada: en Borralha, a 27 quilómetros de Covas do Barroso, tamén está en marcha unha mina de volframio, coas vivendas a 400 metros...

NOTICIAS DA RAIA | Megaminaría contra o Patrimonio Agrícola Mundial no Barroso
Entrando en la página solicitada Saltar publicidad