lunes. 07.10.2024

As últimas protestas tiveron lugar en agosto. Mañá sábado, ás 14:30 horas (15:30 en Galicia) celebrarase en Montalegre outra manifestación contra as minas de litio e wolfram, organizada polo Movimento Não às Minas-Montalegre. A protesta coincidirá coa Feira do Fumeiro, aberta desde onte no Pavillón Multiusos e que será punto de chegada da marcha que partirá da praza do municipio. 

A unha semana das eleccións lexislativas (estatais) en Portugal, a plataforma contra a minaría decidiu volver á rúa despois de que a maioría das formacións políticas obviaran a cuestión durante a campaña electoral."As persoas precisan saber o que pensan e que medidas tomarán os partidos para impedir este atentado ao medio ambiente, á vida e á saúde das poboacións", declarou Vitor Afonso, portavoz do movemento a Radio Renascença.

A plataforma denuncia que xa se teñen asinado 22 contratos de prospección, pesquisa e exploración en diferentes áreas da rexión do Barroso que compoñen os concellos de Boticas e Montalegre. Alertan do impacto da minaría a ceo aberto de tal número de proxectos nun territorio de 1.100 quilómetros cadrados

protesto en Montalegre (2)Pancarta nun dos accesos ao Multiusos onde se celebra até o domingo a Feira do Fumeiro.

O Movimento Não às Minas-Montalegre está a poñer o foco en tres proxectos que, segundo indican, son os máis avanzados: Mina do Barroso, en Boticas; e Mina do Romano e Mina da Borralha, ambas en Montalegre. Os tres proxectos están a piques de saír a exposición pública.

A protesta está apoiada pola Associação Povo e Natureza do Barroso. Nunha nota de prensa esta semana, os activistas denuncian que a rexión está "seriamente ameazada, os seus recursos naturais, o modo de vida e os modelos de subsistencia están ameazados. Pode estar en causa a extinción de actividades ancestrais sustentábeis, así como de produtos autóctonos de elevada calidade".

A plataforma denuncia que xa se teñen asinado 22 contratos de prospección nun territorio de 1.100 quilómetros cadrados. 

As accións de protesta da sociedade civil continuarán o domingo cunha camiñada organizada pola asociación Montalegre com Vida na freguesía de Morgade, que tamén pretende sensibilizar á poboación a respecto do "perigo ambiental, social e económico das explotacións mineiras".
 

NOTICIAS DA RAIA | O Movimento Não às Minas volve á rúa en Montalegre contra a minaría...