sábado. 20.04.2024

Un grupo de veciñas e veciñas do concello de Cualedro lanzaron a iniciativa e, en coordinación co incipiente movemento veciñal de Baltar e animados pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que apoia á marcha, convocaron para este domingo unha camiñada En Defensa da Serra do Larouco. A mobilización partirá de Baltar (o punto de encontro é o bar O Cepo) ás 9:00 horas. Haberá un tramo en coche pola pista de acceso ao Larouco e, despois, 5 quilómetros a pé.

Despois da reunión do xoves pasado en Baltar, no que comuneiros, gandeiros, apicultores e practicantes do parapente mostraron diante dos representantes de Iberdrola a súa oposición a LAT do Larouco, agora a veciñanza do lado galego do monte sagrado empeza a preocuparse por outro proxecto en tramitación: o P.E. Tramontana, cuxo cambio de localización no Rexistro Eólico de Galicia foi denunciado a semana pasada por Stop Eólicos Xurés Celanova como "unha ampliación do polígono de Iberdrola no Larouco".

Amigos do Larouco, que é o nome que se dá un colectivo de veciñas de varias aldeas da vertente galega do Larouco e que desde 2016, despois do gran lume daquel verán, viña convocando diferentes accións para poñer en valor a serra e denunciar os impactos que causan os incendios, únese agora á protesta contra a LAT do Larouco e o proxecto en tramitación (aínda agochado á cidadanía, pero do que vai habendo noticias a través da documentación pública doutras infraestruturas) denominado Tramontana. 

Do outro lado da serra, en Montalegre, tamén hai veciños organizándose para recoller sinaturas pedindo ás autoridades lusas que informen sobre os proxectos en solo galego.

Segundo advertiu Stop Eólicos Xurés Celanova hai unha semana, no Rexistro Eólico de Galiza apareceron modificadas o 1 de xaneiro as localizacións dos proxectos de centrais eólicas Mistral e Tramontana que até ese día figuraban superpostos ao P.E. San Martiño, na Boullosa, en fase de información pública. 

Camiñada Larouco

"Os novos enclaves destes polígonos eólicos, desprazados varios quilómetros cara o leste, sitúan os 8 aeroxeradores de Tramontana sobre a cima do Larouco a continuación do polígono de 49 aeroxeradores que Iberdrola ten operativos na mesma serra desde hai vinte anos. Estes oito proxectados alcanzarían unha altura de 151 metros, case o dobre de alto dos actuais (que miden 83 metros)", indicaba a plataforma.

Os Amigos do Larouco e a veciñanza de Baltar que se opón a LAT do Larouco alertan ademais sobre unha afección grave que, de se realizar, produciría o polígono Tramontana. Asentaríase sobre unha turbeira na que nacen as augas que regan a vertente norte do Larouco, din os veciños.

Do outro lado da serra, en Montalegre, tamén hai veciños organizándose para recoller sinaturas pedindo ás autoridades lusas que informen sobre os proxectos en solo galego próximos á raia.
 

NOTICIAS A LIMIA | A defensa do Larouco esténdese até Cualedro e o domingo haberá...