martes. 16.04.2024

O órgano xestor da Reserva da Biosfera Área de Allariz, que agrupa aos territorios dos concellos de A Bola, Allariz, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga, reunirase mañá martes para tratar un plan do que a Reserva non foi informada e que afecta a varias zonas núcleo da área: o estudo inicial dunha concentración parcelaria na parroquia de Rairiz de Veiga, emitido pola Consellería de Medio Rural, que foi sometido á exposición pública durante un mes este pasado verán e que non conta con informe ningún da Reserva da Biosfera.


No propio informe, difundido polo Diario do Limia o pasado 27 de setembro, xustifícase esa exclusión. Os redactores, técnicos do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense, indican nun parágrafo do capítulo 3 (Plano de Análise da Situación Actual) que a zona afectada non se atopa dentro dunha área declarada reserva da biosfera (páxina 34).


“Faremos valoracións despois de reunir o órgano xestor”, indicaron fontes da Reserva da Biosfera Área de Allariz a semana pasada.


Os autores do estudo, “coa finalidade de determinar a viabilidade e idoneidade da reestruturación na zona e como paso previo á declaración oficial” (como se expresa no capítulo 6), consultaron 18 organismos das Administracións local, autonómica e estatal, mais esqueceron á Reserva. E tamén deixaron fóra das consultas a outro organismo que debería ter algo que dicir sobre o plan: a Dirección Xeral Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, unha das catro direccións xerais da Consellería de Medio Ambiente, onde si foron consultadas ás dirección de Patrimonio Natural e Ordenación do Territorio. Esta última, non contestou.


Segundo a Xunta de Galicia, a Dirección Xeral Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático é a responsábel da “avaliación ambiental estratéxica”, un instrumento que “permite integrar os aspectos ambientais na elaboración e aprobación de plans e programas públicos para acadar un elevado nivel de protección do medio e promover o desenvolvemento sostible”.

QUEIXAS VECIÑAIS
“Seguimos igual. Non é que non se teña feito nada para tratar de controlar a contaminación; é que a preocupación é mínima. Xa vemos a preocupación que teñen a alcaldesa de Bande e o alcalde de Entrimo: ningunha. Unha vai montar un embarcadoiro en Porto Quintela e outro, augas abaixo, no encoro de Lindoso... As Conchas está en nivel 2 por cianobacterias, pero esta xente segue montando instalacións turísticas”, di Pablo Vázquez, da Asociación de Veciños das Conchas, que no verán presentou unha denuncia contra varios organismos públicos pola presenza de ácido sulfhídrico xunto á presa do encoro. 


“As Administracións seguen sen facer nada. Tanto a Consellería de Medio Ambiente, como a de Medio Rural, como a de Sanidade, e mesmo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O único que nos queda é ir denuncia tras denuncia. Iso faremos. Até coller a Administración nun renuncio...”, explica Vázquez, a quen lle gustaría “escoitar explicacións de primeira man da conselleira de Medio Ambiente e do conselleiro de Medio Rural, porque o mesmo é que teñen présa por sacar adiante este tipo de plans antes de que Europa lles impoña a declaración de augas vulnerábeis en toda a comarca da Limia”. 

mapa_reserva_allariz-scaled
Mapa da Reserva da Biosfera Área da Allariz. En verde, as zonas núcleo. | FONTE: Reserva da Biosfera.

“NIN FRAGA DE ATREVEU A TANTO”
“Teremos que acabar por denunciar, claro; e, se é preciso, volver levalo a Europa”, comenta Manuel García, veciño de Rairiz e portavoz do Movemento Ecoloxista da Limia. “Se hai Reserva de Allariz é precisamente polos valores naturais de Rairiz de Veiga. Intentárono con Allariz, e non chegaba, coa Bola e con Vilar de Santos, tampouco”.


A declaración da Reserva produciuse en xuño de 2005, cunha superficie de 21.842 hectáreas, o 0,69% está nas zonas núcleo, a metade destas zonas en Rairiz de Veiga. No estudo inicial da parcelaria recoñécense as figuras de protección da ZEPA da Limia, humidais, hábitats prioritario e o monumento natural da Carballa da Rocha. “Non se entende que Medio Rural diga nun documento que non hai figura de protección de Reserva de Biosfera na zona proposta para a parcelaria”, lamenta o portavoz do MEL. 

Segundo Manuel García: “Nin Fraga se atreveu a tanto. Levan anos con isto, mais baixo o goberno de Fraga non o conseguiron. Chegou un momento no que Fraga deu un golpe na mesa e dixo que a parcelaria de Rairiz non ía adiante. As parcelarias non poden ser nin unha escusa para seguir enchendo parcelas de xurros nin para un modelo de desenvolvemento que fracasou”. García lembra que até a década dos oitenta, A Limia era “un verxel”, no que “a agricultura e a natureza convivían en harmonía e iso con practicamente o dobre de poboación que daquela si podía vivir do campo”.


E subliña, “A Limia tivo un valor ambiental similar ao de Doñana, pero coa desecación da Lagoa primeiro e coa parcelaria despois, acabaron con aquel modelo”. García sostén que “está demostrado que as parcelarias son unha barbaridade desde o punto de vista da conservación do medio e tamén como indutoras dunha produción agrícola intensiva a base de química, que baixou os prezos e expulsou poboación; hoxe xa case só quedan quen produce moita cantidade e moi barato”.

NOTICIAS A LIMIA | O estudo de Medio Rural ignorou que a zona afectada pola parcelaria...