martes. 10.12.2024

Tiago Teixeira podería debutar co Antela en Ribadumia. Será a primeira convocatoria do defensa, aínda un xuvenil, co primeiro equipo. Tamén se estrean esta tempada Brexio e Sergi, os máis atrasados na preparación por motivos laborais. Sabucedo recorre a eles, dous titulares a tempada pasada, obrigado polas baixas de Noel e Anxo, ambos lesionados. A lesión de Anxo, unha ruptura fibrilar, parece máis grave. Estará semanas de baixa. 


“Noel sofre unha contractura e non puido adestrarse esta semana. Preferimos reservalo por precaución”, explica Óscar Sabucedo. Con todo, estes non son os principais problemas para o técnico, que segue pendente de que a Federación Polaca tramite o pase internacional de Peral, que o ano pasado estivo xogando nun equipo daquel país. No club din que todo depende do órgano federativo polaco.


A ausencia de Peral e a baixa momentánea de Noel removen o eixo do equipo. Xabi Lamas manterase na titularidade, con Fabio -o mellor diante do Pontevedra B- e posibelmente Pedro. Con Suso como porteiro, a defensa podería ser a mesma que a semana pasada, con Romero, Juáncar, Quintairos e Tazos, aínda que o técnico dispón agora de alternativas para os centrais (Breixo e Teixeira). Na dianteira é fixo Joni, e Sabucedo deberá decidir entre os titulares no debut (Borja e Carlos) ou optar por Tumbeiro e Sergi. 


“Breixo e Sergi están ben, igual non para xogar 90 minutos, pero xa contamos con eles”, di Sabucedo, que subliña que o equipo adestrou “con moitas ganas” esta semana. “Pode que haxa cambios no once, pero non serán moitos. Hai cousas que se fixeron mal e intentaremos corrixir, pero tamén hai cousas que saíron ben”.  


O partido contra o Ribadumia disputarase no campo da Senra (herba natural), comezará ás 18:00 horas e será arbitrado polo colexiado Jesús Piñeiro. O Ribadumia, un dos moitos candidatos ao ascenso, debutou na Liga cunha derrota na Illa de Arousa diante do Céltiga (2-0).

“O Ribadumia é un equipo que tamén aposta polo fútbol de combinación. Reforzouse moito, mesmo con futbolistas de fóra de Galicia. Nós temos a idea de facer o mesmo fútbol fóra que na casa. Queremos ter o balón”, explica Sabucedo. A expedición do Antela partirá mañá ás dúas da tarde desde Xinzo. Esta tempada tocan viaxes máis longas. O Antela ponse en ruta, por diante, 5.000 quilómetros (en 19 xornadas).


Segunda Autonómica
Adrián, un dos debutantes o domingo na Moreira, xogará esta semana co Antela Xinzo, equipo ao que ten a intención de se incorporar Carrasco, en busca de minutos de competición. Parece que hai acordo entre o club e o xogador. Toncho e Carlos contarían cun reforzo inesperado e que lles permitiría recuperar o plus que durante a preparación garantía Anxo. 

O Antela B, que empezou a Liga gañando en Parada do Sil (3-4), recibe mañá no Fernández Carrera (17:00 horas) ao Rúa, equipo que a pasada tempada competiu polo ascenso e comezou esta cedendo un empate en casa no último minuto diante do Viana.

Pola súa banda, o Piñeira Seca recibe no Touzal (domingo, 17:00 horas) ao Molgas. Os de Piñeira gañaron ao Espadana (2-5), mentres que o seu rival perdeu na casa diante do Vilar de Barrio (0-3). O líder é o Rocas, grazas ao 1-9 en Sarreaus. O Sporting Sarreaus, debutante este ano, visita mañá ao Vilardevós. O outro equipo limiao, o Vilar de Barrio recibe esta tarde na Corga (17:00) ao Bubal.
 

FÚTBOL A LIMIA | O Antela perde a Noel e tampouco contará con Peral