Cristina Campero comeza un percorrido pola provincia para interesarse polas demandas de agricultores e gandeiros
Os deputados do Grupo Popular, Cristina Campero e Miguel Ángel Viso, iniciaron en Montederramo e Maceda unha xira por distintos territorios rurais da provincia de Ourense co obxectivo de reforzar o contacto directo cos profesionais do campo e trasladar posteriormente as súas preocupacións ao Parlamento galego.
Durante estes encontros, ambos puxeron en valor o papel estratéxico da gandería extensiva e de montaña, que consideran un dos piares fundamentais da economía ourensá e un elemento clave para o equilibrio territorial e social do rural. Destacaron que a actividade gandeira vai moito máis alá da produción económica, contribuíndo á fixación de poboación, á prevención de incendios, á conservación da paisaxe e á preservación das tradicións e da identidade local.
Un dos temas centrais dos encontros foi a reforma da Política Agraria Común (PAC), que está a introducir cambios significativos nos criterios de acceso ás axudas e nos pagamentos directos. Cristina Campero advertiu que estas modificacións están a xerar unha grande incerteza, especialmente nas pequenas e medianas explotacións predominantes no territorio. "Non podemos permitir que unha PAC mal adaptada á realidade galega poña en risco a viabilidade das explotacións familiares, polo que defenderemos unha política agraria xusta, flexible e sensible ás particularidades da gandería de montaña", asegurou a deputada.
Campero e Viso manifestaron tamén a súa oposición a calquera recorte dos fondos da PAC, subliñando a importancia de que a Unión Europea manteña un compromiso firme co sector primario, especialmente nas rexións con características singulares como Galicia, afectadas polo minifundismo, a dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación rural.
Outro asunto destacado foi a problemática do lobo, considerado polos deputados como unha das principais ameazas á continuidade da gandería extensiva na provincia. Os continuos ataques aos rabaños e a falta de ferramentas de xestión eficazes están a crear unha situación insostible. Miguel Ángel Viso subliñou que "a protección do lobo non pode facerse a costa dos gandeiros", e reiterou a defensa da saída do lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial para permitir aplicar medidas de control que garanten a viabilidade das explotacións.
Finalmente, os deputados puxeron de relevo a importancia do relevo xeracional para asegurar o futuro do sector agrogandeiro galego. Cristina Campero destacou os programas de apoio, formación e incentivos económicos da Xunta de Galicia para fomentar a incorporación de mozos e mozas á actividade gandeira, facendo do rural unha oportunidade de vida atractiva e sostible.