martes. 10.12.2024

“A Festa do Esquecemento recupera os seus actos multitudinarios despois da pandemia e para o Concello de Xinzo será primordial garantir a seguridade de todos os veciños, veciñas e visitantes”, informa o goberno local nunha nota de prensa que acompaña a imaxe da reunión da Xunta municipal de seguridade na que participa a organización do Esquecemento. A Xunta municipal estableceu para esta fin de semana un operativo no que participarán a Policía Local, “cun despregue maior ao habitual”, a Garda Civil, Tráfico e Protección Civil, ademais de servizos sanitarios e puntos violetas contra o machismo.

“Os festexos, promovidos pola Asociación Civitas Limicorum en colaboración co Concello, comezarán o venres e se prolongarán durante toda a fin de semana”, lembra o comunicado do goberno local. Ademais da montaxe do campamento castrexo-romano, que xa comezou onte, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), enviou operarios de Tragsa para realizar actuacións de limpeza no tramo do río xunto ao Toural. Esta intervención da CHMS sobre o río foi solicitada pola Asociación Civitas Limicorum.

O Concello non precisa cantas persoas farán parte do operativo de seguridade nin avanza información ao respecto de posíbeis alteracións na mobilidade, que as fins de semana do verán xa limitan o tráfico de vehículos en parte do casco vello. 

Reunión dos responsábeis municipais coa Asociación Civitas Limicorum. FOTO Concello de Xinzo (FILEminimizer)
Reunión dos responsábeis municipais coa Asociación Civitas Limicorum. | FOTO: Concello de Xinzo.

O campamento, que os propios grupos de castrexos e romanos empezaron a levantar onte, trasladouse este ano cara a parte con máis árbores do Toural, xunto ao aparcadoiro, mentres o mercado de artesanía estará do outro lado do aparcadoiro, tamén baixo as árbores. O mercado e o campamento abrirán este venres pola tarde.

O mesmo venres terá lugar o primeiro dos desfiles, previsto para as 23.30 horas, e ao remate prenderase o Lume Sagrado que presidirá a Festa até o domingo.

NOTICIAS XINZO | A Festa do Esquecemento contará cun amplo dispositivo de emerxencias