viernes. 19.04.2024

O concello de Vilar de Barrio acolle esta fin de semana unha das probas da Copa de España de Escuderías de Montaña, que chega da man da Escudería Talariño, en colaboración coa Escudería Valdeorras. A I Subida a Vilar de Barrio, Memorial Juan Enríquez, terá lugar entre mañá e o domingo e será a estrea das competicións automobilísticas de montaña na comarca da Limia.

O punto de partida do trazado será en Borrán e unha trintena de inscritos percorrerán un trazado de case 5 quilómetros cun desnivel de 302 metros e unha pendente media do 5,64%. A estrada OU-113, por onde correrán, estará pechada ó tráfico entre o Alto da Corga e Alberguería.

A primeira manga de mañá terá a súa saída ás 13:00h e a agárdase que a primeira xornada remate en torno ás 18:30h. O domingo, os participantes terán unha nova proba ás 9:30h, que finalizará sobre as 14:00h. Posteriormente, entregaranse os premios aos gañadores desta I Subida a Vilar de Barrio na Praza do Toural.

Esta proba, na que colabora o Concello de Vilar de Barrio, contará tamén cun premio especial para os vehículos históricos que participen nesta competición. O "Trofeo Fullslip Historic" entregarase en dúas categorías, unha para os matriculados antes do 31 de decembro de 1981 e outra para os que o fixeron entre o 1 de xaneiro de 1981 e o 31 de decembro de 1990, pero tamén se permite a participación das réplicas dos vehículos orixinais en ámbalas dúas.

NOTICIAS A LIMIA | O automobilismo de montaña chega á comarca coa I Subida a Vilar de...