sábado. 27.04.2024

O home de 82 anos que onte domingo tivo que ser evacuado en helicóptero despois de sufrir unha caída mentres traballaba en altura nun alpendre da súa propiedade permanece ingresado e está estábel dentro da gravidade, segundo informaron fontes municipais.

O home caeu desde unha altura duns dous metros e medio, e fíxoo de costas, sobre o brazo esquerdo e golpeándose na cabeza. Ao parecer, segundo os servizos de urxencias, estivo uns minutos inconsciente e sangrando como consecuencia da ferida na cabeza. Mais recuperou a consciencia e foi estabilizado polo médico que o asistiu no lugar de Aldea de Arriba, na parroquia de Arnuide, en Vilar de Barrio.

Segundo explican fontes do operativo, o medico alarmouse máis polos problemas de respiración do home que polo golpe na cabeza que, en principio, parecía non revestir gravidade. O accidente sucedeu ao redor das once da mañá do domingo e o helicóptero que participou na evacuación puido aterrar nunha finca a escasos 50 metros da vivenda.

NOTICIAS A LIMIA | O home de 82 anos que caeu dun alpendre en Arnuide está estábel