Xoves. 28.03.2024

A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo promove neste último cuatrimestre do curso unhas novas rutas culturais que se desenvolverán do 21 de xaneiro ata o 13 de maio. A comunidade universitaria e a poboación en xeral poderán participar nesta iniciativa que percorrerá diversos puntos da xeografía, entre os que se encontra Vilar de Barrio.

A primeira parada será o 21 de xaneiro en Catoira (Pontevedra), o 4 de febreiro organizarán unha andaina por Pitoes das Júnias, na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés (Portugal), o 25 do mesmo mes as rutas trasladaranse ao Courel, concretamente en Vilamor-Froxán (Lugo); para logo chegar a Vilar de Barrio o 18 de marzo. No concello limiao poderán visitar o "mellor miradoiro" que lles permitirá coñecer as dimensións da antiga Lagoa de Antela e tamén o Monte do Castelo, un xacemento arqueolóxico "único en Galicia que supera as 15 hectáreas de extensión e os 2000 anos de antigüidade".

A programación continuará con varias paradas na Coruña para farcer unha peregrinación a San Andrés de Teixido e tamén unha ruta polo Camiño dos Faros, entre Muxía e Touriñán. A última ruta será nos Passadiços do Paiva, en Arouca (Portugal), que na anterior visita congregou a 180 persoas para percorrer as súas pasarelas.

Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, destacou na presentación desta iniciativa que "as rutas culturais é unha das actividades con máis éxito da Universidade de Vigo", xa que durante o primeiro cuatrimestre a participación media en cada andaina foi de 85 persoas. José García-Calvo, coordinador das rutas, especificou que o total foi de 350 participantes, sendo o 73% membros da comunidade universitaria e o 27% persoas alleas a ela.

Como inscribirse

As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os tres campus da universidade. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e información complementaria, no blog das andainas.

NOTICIAS A LIMIA | A UVigo traerá a Vilar de Barrio as rutas culturais que promove