Vilar de Barrio acollerá esta fin de semana, 4 e 5 de outubro, a celebración da 46ª edición da Festa da Pataca, a gran cita que lle dedica a un dos seus produtos estrela. Ao longo de dous días, a Praza do Toural, os Xardíns do Toural e o Pavillón municipal serán o centro dun intenso programa que se articula arredor de tres eixos: gastronomía, cultura e convivencia.
Showcookings, degustacións e xantar popular
O eido gastronómico contará con obradoiros de cociña, degustacións, catas e comidas populares. A xornada do sábado comezará co showcooking e o pregón a cargo da cociñeira Begoña Vázquez, figura destacada do panorama culinario galego. Durante a fin de semana haberá showcookings e degustacións que enxalzan a calidade da pataca galega combinada con tenreira galega e mel con selo IXP.
Os dous momentos centrais de convivencia serán a "Noite dos ovos fritos con patacas e bolo preñado", que se celebrará o sábado ás 21:00 horas. Xa o domingo, terá lugar o tradicional "Xantar Popular" ás 14:30 horas. Ambas as dúas comidas contan con aforo limitado e requiren a solicitude previa de entrada no Concello. Tamén o domingo, xa pola tarde, haberá degustación de pepiños de tenreira galego con pan de Cea.
Debates e coñecemento para o agro
Ademais da festa e da gastronomía, a programación dedica un espazo fundamental ao coñecemento e á reflexión sobre o futuro do sector. O sábado, a partir das 17:00 horas, a Sala Manuel Gómez Portela acollerá diversas conferencias. "A castaña: enfermidades e pragas. Identifica, prevé e actúa" a cargo de Sara Varela Romeu; "O cultivo da pataca na Limia: novos retos" con Gloria Fernández e Servando Álvarez; e "A actividade resineira como complemento ao aproveitamento da madeira de piñeiro", a cargo de María Escudeiro.
Rock, tradición e concursos con premios
A parte máis lúdica e cultural inclúe a Feira da Pataca da cativada con xogos e actividades infantís e o Pataca Rock, coa actuación da banda "De Ninghures" o sábado á noite. O domingo, a tradición estará representada durante a mostra de patacas e produtos de outono, o desfile "O rural e a pataca" e a posterior foliada con pandereiteiras e baile galego. E non faltarán as charangas para poñer música á festa durante as dúas xornadas.
A festa rematará o domingo ás 19h coa entrega dos premios dos seus tradicionais concursos: pataca de maior peso e composición de produtos de outono.


