lunes. 07.10.2024

Dous despois da pandemia, a praza Maior, a praza de San Roque, a rúa Toural e parte da rúa Ladeira na zona da praza de Abastos poderían ser recuperados como espazos das dúas feiras mensuais en Xinzo de Limia.

Onte, nunha reunión no Casa do Concello cunha representación de comerciantes e hostaleiros da zona, a alcaldesa Elvira Lama, o responsábel de Comercio, Manuel Pérez, e os edís Alberto Martínez e Rafael Penabad, alcanzouse un consenso para que o goberno local estude a posibilidade de devolver a feira a eses espazos.

“Quedamos en que se encargará un informe á Policía Local para ver como distribuír os postos”, explicou este xoves Manuel Pérez ao Diario do Limia. "A situación sanitaria fixo cambiar a feira,  temos que facer as cousas con calma, e o que está claro é que nun sitio onde antes collían oito, agora van ter que ser menos”, sostivo.

Manuel Pérez reflexiona e lembra que a de Xinzo é “unha das tres maiores feiras do país”. Subliña que antes da pandemia reuníanse 235 postos, e asegura que “nestes momento igual estamos xa por riba desa cifra”. Os prazos para obter o informe e tomar as decisións sobre novos enclaves para os postos serán, di, breves. “Esperamos que antes do verán poidamos ter ese estudo e valorar as posibilidades”.

Á espera de que se concreten os prazos para o comezo das obras da gran reforma das avenidas na N-525, e despois de aclarado que se vai manter o tráfico rodado nas rúas do casco vello, aínda que con limitacións, a hostalaría e o comercio da zona queren recuperar a feira nun intento de manter o carácter comercial destas rúas, que foron das que máis acusaron o golpe das restricións polas propias características dos negocios.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo estudará recuperar a feira no centro