martes. 23.04.2024

“Un informe da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (ACO) sinala a Xinzo de Limia como o Concello da provincia con máis importe de obra adxudicada nos primeiros meses de 2022, só por detrás da cidade”, informa o goberno local nunha nota de prensa emitida este luns.


Segundo a comunicación municipal, o informe da ACO, sobre o que non ofrece referencia ningunha, demostra que Xinzo (con 2,2 millóns de euros adxudicados) converteuse entre xaneiro e marzo “no segundo municipio da provincia con máis obra pública licitada, só por detrás de Ourense (2,7 millóns de euros)”. 


Ademais, o Concello de Xinzo salienta o incremento a respecto do mesmo período do ano pasado, o 2021; e cifra nun 295% o aumento da licitación de obra pública no termo municipal. E subliña, “de feito, durante o primeiro tramo deste ano, o Concello licitou máis obra que durante todo o ano pasado”.


Finalmente indica o destino dese investimento: foron 1,8 millóns de euros “en sete proxectos para a substitución de 4.610 vellas luminarias”, co financiamento do 80% por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (estatal); ao que se engaden “outras obras públicas, como os contratos de servizos de roces ou obras de mellora en camiños rurais e municipais”, entre eles, os traballos nos núcleos de Morgade e Ganade. 


Sostén o goberno local, formado pola coalición de catro partidos (PSOE, AXIL, XA e BNG), que os datos do estudio da ACO “avalan o esforzo realizado por acadar fondos de outras administracións e desenrolar proxectos que redundan no interese xeral”.

NOTICIAS XINZO | O goberno local adxudicou obra pública por valor de 2,2 millóns entre...