Xoves. 28.03.2024

“O obxectivo desta xornada é promover a inclusión social, dinamizar a participación das limiás e dos limiáns e promover a cultura e musica en galego”, explican desde o colectivo RAS, de nova creación, no que un grupo de mozas e mozos da Limia veñen de se xuntar para desenvolver actividades no ámbito da cultura.


A xornada consiste nunhas probas deportivas que se denominarán Olimpiadas rurais e se celebrarán o próximo 27 de agosto, sábado, na Alameda do Toural. Entre as disciplinas, haberá un duatlón (bici e carreira a pé) e unha carreira de velocidade. Mais tamén “probas populares”: lanzamento de pataca, brilé ou os birlos, “entre outras”, segundo informan desde RAS.


As Olimpiadas rurais, cuxo anuncio empezou a circular a través das redes sociais esta mañá cun cartel coa fotografía dunha moza vestida con roupas de principios do século pasado, contan con Galiza Nova na organización e coa colaboración do Centro de Información Xuvenil da Limia (CIX).


“As equipas deberan ser de entre 6 e 12 persoas e o prezo de inscrición por equipa será de 10 euros”, informan os organizadores. E engaden: “Deberán ser obrigatoriamente mixtas, tratando de equiparar sempre que sexa posible o numero de homes ó de mulleres”. 


Os horarios das probas serán das 9:30 até as 21:00 horas. Ao remate das competicións haberá foliada aberta e celebrarase a entrega de premios. Ademais, todos os participantes recibiran unha entrada de balde ás piscinas municipais.

olimpiada RAS 2

NOTICIAS XINZO | As Olimpiadas rurais, o día 27 de agosto, incluirán lanzamento de pataca