jueves. 25.04.2024

O conselleiro de Medio Rural, José González, e a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Morgade, mantiveron este mércores unha reunión telemática na que o responsábel de Medio Rural avanzoulle á rexedora que este ano comezarán as obras correspondentes á rede de camiños secundarios na parcelaria de Guillamil-Sabariz, por un importe total superior aos 1,7 millóns de euros.


Nunha nota de prensa, a consellería informa que a parcelaria está "en fase de acordo, e afecta a unha superficie de 1.368 hectáreas propiedade de 1.071 veciños". Segundo Medio Rural, conseguiuse reorganizar o territorio, pasando de 18.875 parcelas iniciais a 2.129 fincas resultantes. 


"Na rede de camiños principais, a Consellería investiu case 1,8 millóns de euros e, tal e como adiantou hoxe o conselleiro, as actuacións para os camiños secundarios empezarán nos vindeiros meses", indica a consellería.


José González e Josefa Morgade falaron das posibilidades de dinamización e xeración de riqueza que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, subliña o comunicado. E engade que se acordou "estudar a oportunidade de establecer un polígono agroforestal na zona de Congostro".


A principios deste mes de febreiro, a alcaldesa publicou nas redes sociais do Concello de Rairiz de Veiga unha fotografía xunto ao Delegado Territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense. O texto que acompañaba á imaxe informaba: "Con Luis Jorge delegado territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense. En 2 meses aproximadamente teremos o decreto da parcelaria de Rairiz así que neste ano xa veremos os técnicos da consellería sobre a zona"
 

NOTICIAS A LIMIA | Medio Rural confirma que este ano comezarán as obras de camiños...