sábado. 27.04.2024

Varias conferencias sobre o sector e a produción, que terán como escenario unha carpa na praza o sábado pola tarde, e un concurso de tortilla de patacas, o domingo, serán dous dos eventos que acompañarán aos expositores na 43.ª edición da Festa da Pataca de Vilar de Barrio, que se celebrará a segunda fin de semana de outubro, os días 8 e 9. 


Vilar de Barrio toma o relevo de Alimagro, cinco semanas despois da feira de Xinzo de Limia, nuns días en que xa comezaron as colleitas e se empeza a constatar que o 2022 non será un bo ano. A Festa coincidirá ademais o domingo coa feira mensual da localidade.


Nesta edición, o xantar popular do domingo (catro menús diferentes, a un prezo de 10 euros por menú) adiantará o comezo ás 12:30 horas, “para que non se xunte todo o mundo entre as dúas e as tres da tarde, así que se alguén quere empezar antes, pois abriremos a esa hora a carpa xunto ao pavillón”, explica José Antonio Cid, un dos organizadores e membro da Asociación de Amigos da Festa da Pataca. Os menús son pratos nos que a pataca é unha gornición fundamental: churrasco, tenreira, polo á brasa ou carne ao caldeiro.


O programa inclúe ademais as actuacións musicais da Disco Móbil Space (o sábado), e da Banda de Gaitas A Peniza de Vilar de Barrio, e da Orquestra M3 (ambas, o domingo). O sábado pola noite haberá tamén un monólogo a cargo do actor ourensán Sergio Pazos. Ese mesmo día, a partir das 20:00 horas nunha carpa situada nas pistas deportivas xunto á praza, haberá tamén degustación de empanada de patacas, ovos con patacas, pan e viño. Todo por 3 euros. 


O domingo a festa abrirá ás 11:30 horas. Aínda non están pechadas as inscricións para os expositores. Este ano incorpóranse produtores locais á venda directa. Tamén está prevista unha exposición de gando (vacas, ovellas, cabras, cabalos) durante esa mañá de festa e, pola tarde, xogos infantís e un concurso de tortilla de patacas con 100 euros de premio para a mellor tortilla. Entre os participantes en todos os concursos sortearase ademais un xamón de castañas. 

Festa da Pataca Vilar de Barrio. Cartel B 2022 (FILEminimizer)
Cartel da Festa deste ano.


A Festa da Pataca de Vilar de Barrio comezou en 1978. “Houbo cinco anos que non se fixo, así que este cumprimos 43”, explica Cid, “non haberá tanta xente como nas festas do verán, esta ten un carácter distinto, pero si que vén moita xente de fóra. Agora, en Vilar de Barrio quedamos pouca xente, e hai menos produtores, pero os que quedan producen moita máis pataca”. O saco de 10 quilos de pataca de Vilar de Barrio estará a 5 euros na Festa.
 

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio colle o testemuño de Alimagro