martes. 16.04.2024

“O Concello de Xinzo de Limia asumiu a xestión directa das piscinas, ao considerar que se trata da fórmula máis axeitada para ofrecer o servizo aos cidadáns. Tal e como explicou a rexedora no último pleno ordinario no que se aprobou por unanimidade a remunicipalización, os traballadores da piscina climatizada, nun acto de conciliación, pasaron ao convenio colectivo xeral do Concello e aceptaron prestar os seus servizos nas instalacións exteriores”, explicou o goberno local nunha nota de prensa este mércores. “O único servizo das piscinas que se externalizará é o do bar”, informa o comunicado.

Elvira Lama, a alcaldesa, e os concelleiros de Deportes (Rafael Penabad) e Urbanismo (Ramón Gómez) visitaron o complexo deportivo para anunciar un investimento de 47.924 euros no arranxo do pavimento das piscinas exteriores para evitar que as baldosas deterioradas provoquen accidentes.

A pavimentación ten deficiencias, sinalou o goberno local, “polo que con frecuencia rompen as baldosas cerámicas, provocando feridas aos usuarios”. De aí que se optase por unha actuación completa. Os traballos en execución estes días consisten na substitución do firme por unha lousa de formigón con fibra.

Segundo o comunicado municipal, o obxectivo é corrixir os danos observados no pavimento “para o correcto desenvolvemento das actividades deportivas e lúdicas que se fan no recinto (...) de xeito que o chan non provoque esvaróns cando está mollado”.

Os traballos continuarán durante a próxima semana. O concello tamén informa da posta a punto do complexo deportivo emprazado ao carón das piscinas, co roce e acondicionamento das zonas verdes.
 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo asume a xestión das piscinas exteriores