jueves. 18.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia terá listo o repintado de 85 pasos de peóns e 26 prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida a próxima semana, despois de que os traballos se iniciasen o pasado 4 de maio. A empresa contratada tamén está a intervir sobre outra sinalización horizontal, como avisos de ceda o paso, stop e liñas amarelas. 

O concelleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, explicou ao Diario da Limia que o estado de toda a sinalización horizontal do casco urbano precisaba unha actuación urxente, “debido ás deficiencias”, despois duns meses nos que as prioridades estiveron determinadas pola pandemia. Tamén avanzou que se incrementarán o número de pasos de peóns, coa intervención nunha das rutas escolares.

Está previsto que se habiliten dous novos pasos nos cruces da rúa San Sebastián coas rúas Celso Emilio e Álvaro Cunqueiro. Nas áreas escolares, ademais, pintaranse pictogramas con medidas de seguridade viaria para os peóns. O orzamento total alcanza os 15.600 euros.

Mentres, o Concello está pendente do remate das obras na rúa do Estadio, iniciadas hai máis de dous meses, e nas que se está a acondicionar o espazo para dispoñer un carril bici e unha beirarrúa, elementos até o de agora inexistentes; ademais de mellorar o firme da estrada, que pasará a ser dunha soa dirección nun tramo duns 600 metros entre os campos de fútbol e a rúa Sitibal.

Na rúa Sitibal, están pendentes melloras no asfaltado. Ramón Gómez advirte que van con atraso e espera que a empresa remate o proxecto nas próximas semanas.

Por outra banda, e a respecto do plan de reforma da N-525 no seu tramo urbano presentado o último venres de abril pola alcaldesa e o Delegado do Goberno en Galicia, Ramón Gómez recoñece que a veciñanza recibiu a noticia con escepticismo “porque é unha obra que xa foi prometida hai anos e nunca se executou” e, tamén, porque “o proceso foi moi rápido e en oito meses fíxose un plan e presentouse”.

Mais o concelleiro advirte entre os cidadáns unha certa “confianza”, e mesmo “ledicia”, dado que “xa se empeza a palpar como unha realidade”. Gómez recoñece que o actual goberno herdou algúns asuntos sen resolver, como o de cidadáns que adiantaron uns cartos para a urbanización dalgún tramo na avenida de Madrid, actuación que nunca se levou a cabo. “Agora si o faremos”, asegura Ramón Gómez.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo completará o repintado de 85 pasos de peóns a próxima semana