jueves. 25.04.2024

A resposta de Elvira Lama ás críticas lanzadas desde o Partido Popular polo uso partidista da viaxe que a alcaldesa realizou acompañando á Banda de Gaitas Xinzo de Limia a un festival internacional de música é propoñer o irmandade de Xinzo con Strakonice, a localidade checa obxecto da visita.

“Establecemos lazos de amizade con esta cidade que permitirán ‘entablar’ intercambios culturais, económicos e un mellor grao de coñecemento de ambos territorios”, pon en boca da alcaldesa o comunicado do Concello de Xinzo emitido este mesmo xoves. 


“Cómpre lembrar que a alcaldesa, Elvira Lama, acompañou aos 39 músicos da agrupación e ao seu director, Fernando Dopico, na súa viaxe de máis de 30 horas en autobús á localidade checa. Alí foron recibidos polo alcalde de Strakonice, Mgr Bretislav Hrdlicka, e iniciáronse as conversacións para que a unión dos dous concellos fose unha realidade que permitise non só o intercambio cultural, senón tamén económico”, sinala a nota de prensa.


En realidade, non hai máis relación entre Strakonice e Xinzo que esta viaxe resultado dun convite á banda de gaitas por parte da organización do festival no que mediou Xosé Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación. Elvira Lama sumouse á expedición como representante do Concello de Xinzo. 

“Dende o Concello de Xinzo de Limia preténdese iniciar o expediente de ‘irmanamento’ na máis brevidade que sexa posible, do mesmo xeito que o fará o de Strakonice. Esta unión ofrecerá beneficios en distintos ámbitos para as dúas administracións”, di literalmente a nota de prensa do goberno municipal.


E engade unha breve descrición da cidade: “Strakonice é a ‘localidad-capital’ do distrito de Strakonice, na rexión de Bohemia Merdidional, República Checa. Ten unha poboación que ronda os 23.000 habitantes e atópase no noroeste da rexión, preto da beira do río Moldava, o principal afluente do río Elba e da fronteira coas rexións de Pilsen e Bohemia Central”.


Xinzo de Limia está irmandado coa localidade portuguesa de Ponte de Lima desde 1984. 

NOTICIAS XINZO | Elvira Lama quere irmandar Xinzo con Strakonice