sábado. 20.04.2024

Tres días despois do remate da Festa do Esquecemento, a directiva da Civitas Limicorum, entidade promotora do evento, reúnese no Toural tras comprobar como marchan os traballos de limpeza. Ao día seguinte, o pasado xoves, a alameda está limpa. Marcos Argibay fai balance. “Todo o que recibimos foron parabéns, mais tamén algunhas críticas, e témolas en conta. Pero os máis críticos somos nós mesmas, a directiva, desde dentro apreciamos todos os erros. Saíu ben, pero melloraremos”.


O MELLOR
“O que mellor saíu foi a nova distribución dos espazos na Festa. Traer o mercado de artesanía e as atraccións dos rapaces para o parque do Toural foi un éxito. Primeiro, porque estivo ao lado do campamento e a xente ía e viña. E, tamén, porque o mercado tivo moitas visitas”.


“Despois, estamos moi satisfeitas co resultado da exposición na Praza Maior. Pensamos que serviu para atraer xente á Festa. E agora xa cumpre a súa seguinte función no espazo da Casa da Cultura que é seguir dándolle visibilidade á Festa. Mais o que creemos que foi un éxito rotundo foi o concerto de Pelepau. Foi un bo reclamo, e encheu a praza Carlos Casares”.


“Constatamos que as actividades que se desenvolveron fóra do campamento tiveron moi boa acollida. Por suposto, os desfiles. Pero, entre as novidades, como a loita ou os bautizos, sorprenderon e foron moi emotivos os bautizos dos pequenos que se fixeron o domingo pola mañá na praza de Xoán XXIII”.


“Sempre se pensou en como integrar as charangas no Esquecemento máis alá do campamento. Pois ben, creo que este ano foi o primeiro que se integrou unha charanga cos grupos de romanos. A Achicoria fixo un gran esforzo e o resultado foi excelente. E gustaríame subliñar que os traxes que vestiron saíron dese outro traballo no obradoiro de inclusión do Concello de Xinzo”.

Marcos Argibay, coa directiva da Civitas Limicorum, a semana pasada no Toural, despois da última edición do Esquecemento (2)
Marcos Argibay, coa directiva da Civitas Limicorum, a semana pasada no Toural, despois da última edición do Esquecemento.

“Non conseguimos que se instalasen tomas de luz para todas as casetas. E iso non debería ter sido un problema. Ese foi o erro máis notábel”.

O MELLORÁBEL
“Non conseguimos que se instalasen tomas de luz para todas as casetas. E iso non debería ter sido un problema. Non pode ser un problema nas próximas edicións. Ese foi o erro máis notábel, pero houbo outros que os visitantes tampouco percibiron e nós, a organización, si, e que tamén teñen solución sinxela”.


“A noite do sábado, por exemplo, tivemos un problema coa megafonía, quedamos sen son e decidiuse suspender a queimada que estaba programada e tivémonos que desculpar diante de socios e visitantes. Houbo outros detalles de programación que se se teñen en conta pódese mellorar a participación en eventos. O mesmo temos que cambiar horarios”.  


“A seguridade incrementouse. Contratamos unha empresa de seguridade que mantivo un dispositivo de sete persoas entre o campamento e o mercado. O sábado pola noite a afluencia ao campamento foi masiva. Houbo xente que intentou acceder polos valados e puxéronse multas. Chegou un momento en que decidimos pechar o acceso porque había moita xente”.  


“Somos conscientes de que é preciso conseguir que máis grupos de romanas e romanos se impliquen no acto do cruce do río. Precisamos máis romanos, si. Aínda que empecen por facer só parte dos traxes. E nesa liña de traballo estamos pensando xa en organizar o obradoiro de coiro no que pensaramos cando chegamos á directiva”. 

Marcos Argibay, presidente da Civitas Limicorum, a semana pasada no Toural, despois da última edición do Esquecemento (3)
Marcos Argibay, presidente da Civitas Limicorum.

“O enclave das tendas romanas igual quedou un pouco afastado. A decoración das rúas tamén foi moi eloxiada. Houbo un salto de calidade nese aspecto”. 

VALORACIÓNS
“Teño que dicir que quedamos un pouco sorprendidas porque, como xa dixen, nós somos moi críticas e anotamos moitos detalles mellorábeis. Pero a opinión da xente, desde fóra, é en xeral moi positiva. Deu a sensación de que o evento estivo ben organizado e, malia afluencia de xente, funcionou. A decoración das rúas tamén foi moi eloxiada. Houbo un salto de calidade nese aspecto”.


“En canto á opinión das socias e dos socios, en xeral valoran moi ben a nova disposición do campamento. Mais tamén aquí apreciamos detalles que se poden corrixir. O enclave das tendas romanas igual quedou un pouco afastado. Estudaremos unha reorganización do espazo”. 


“A nivel de organización interna da directiva tamén sacamos aprendizaxes. Nos propios días da Festa non podemos estar facendo máis cousas das que podemos. Estamos a tope para sacar adiante todo e iso impídenos estar pendentes de algunhas cousas, ou mesmo de verificar que se están a facer determinadas cousas. Toda a axuda que chegue será ben recibida”.

Loita de gladiadores (22) (FILEminimizer)
Loita de gladiadores na Praza Maior.

MANTER VIVO O ESQUECEMENTO
“Chegou o momento de levar a cabo esa idea de manter vivo o Esquecemento o resto do ano. Xa demos o primeiro paso: a exposición sobre a base histórica da Festa pasou da Praza Maior á entrada Casa da Cultura. E pensamos que en novembro podería estar en marcha ese obradoiro de coiro. Poderá haber outros talleres, como o que se fixo de traxes. Tamén estamos traballando para organizar algúns debates ou mesas redondas ao redor da Festa. Estes días estamos rematando co que foi esta edición, pero pronto teremos un calendario definido de actividades para os próximos meses”. 

O Diario do Limia, como diario oficial da Festa do Esquecemento 2022, desenvolveu unha ampla cobertura do evento e un traballo de divulgación nas semanas previas á celebración. Este é o resumo nos seguintes enlaces ás nosas publicacións:

Arquivo do #FES22: as fotogalerías

Arquivo do #FES22: os vídeos 

Arquivo do #FES22: artigos de opinión

#FESQ22 🐺 | O Esquecemento continuará coa exposición histórica, talleres e debates