jueves. 18.04.2024

O Partido Popular de Calvos de Randín di que Aquilino Valencia, o alcalde socialista, “enganou" á veciñanza do concello na cuestión da Liña de Alta Tensión que Greenalia (LAT) pretende instalar entre Calvos e Bande. Sosteñen os populares que o alcalde comprometeuse diante de veciñas e veciños a elaborar unhas alegacións contra unha infraestrutura que afectaría aldeas e veigas como Lobás.


“A un día para que mañá venres [por hoxe] remate o prazo de alegacións, o PP de Calvos de Randín non ten constancia de que exista tal modelo de alegación tipo elaborada polo Concello de Calvos de Randín para facilitar a participación pública no proceso de tramitación da liña de alta tensión", advirten os populares. “Tampouco temos constancia de que o Concello nin o alcalde en nome do Concello teña rexistrado escrito ningún contestando o proxecto de liña de alta tensión".


Nun comunicado de prensa emitido onte, lembran os populares que o pasado 30 de maio, nunha reunión convocada polo propio goberno local de Calvos de Randín para dar información á veciñanza sobre os proxectos eólicos en marcha, e na que participaron a empresa promotora (Greenalia) e técnicos convidados polo Concello, o alcalde comprometeuse diante de veciñas e veciñas a elaborar un escrito de oposición contra a LAT que uniría dous futuros polígonos instalados na Aguioncha (Calvos) e o Monte Grande (Bande).  


“Dado o evidente malestar dos veciños co proxecto, asegurou que encargaría a redacción dunhas alegacións contra o proxecto e que as faría públicas e as poría ao dispor dos veciños“, sinala o PP, que no pleno celebrado este luns, 27 de xuño, preguntou ao alcalde por esas alegacións. “A resposta de Aquilino Valencia foi que o goberno local ‘axudou’ a ‘algúns veciños’ a redactar unhas alegacións contra o proxecto. Mais non deu explicación ningunha daquel compromiso público da reunión do 30 de maio".

“Tampouco temos constancia de que o Concello nin o alcalde en nome do Concello teña rexistrado escrito ningún contestando o proxecto de liña de alta tensión”, din no PP.


“Presentarémolas, e dentro do prazo”, manifestou ao Diario do Limia o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia (PSOE), o pasado 16 de xuño, o mesmo día que no concello veciño, Porqueira, a alcaldesa Susana Vázquez (PP) anunciaba que empezaba a difundir entre os veciños as alegacións contra a LAT de Greenalia.

En Porqueira, esta semana, a apenas catro días para o remate do prazo para rexistrar alegacións, o Concello levaba recibidas 150 escritos de oposición de veciñas e veciños, ademáis das rexistradas polas comunidades de montes e de usuarios de augas de San Lourenzo, Reboreda e Paradela de Abeleda. Mentres, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova informa de que vén de rexistrar máis de 250 alegacións contra a LAT nos concellos de Baltar, Calvos e Os Blancos, afectados polo proxecto de polígono no que se iniciaría o tendido eléctrico.


O PP de Calvos de Randín solicita agora “unha explicación pública sobre as razóns que levaron ao alcalde e ao seu goberno a non cumprir o compromiso adquirido nun asunto de especial relevancia para Calvos de Randín e o seu futuro". E engaden: “tamén demandamos unha explicación das accións ou medidas que tomou o alcalde e o seu goberno para contestar un proxecto como o da liña de alta tensión que suscita unha forte contestación social, o mesmo que no caso do proxecto do Parque Eólico Lamas de Feás e Lamas II".

NOTICIAS A LIMIA | O PP acusa ao alcalde de Calvos de Randín de “enganar” aos veciños