martes. 08.10.2024

“A Deputación afonda na colaboración coa CEO impulsando un novo programa de apoio á inserción laboral”, informa nunha nota de prensa difundida onte xoves o organismo provincial que preside Manuel Baltar. 

Nunha visita á sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde mantivo unha reunión con Marisol Nóvoa, a presidenta da patronal ourensá, Baltar anunciou unha modificación de crédito no orzamento provincial para apoiar unha iniciativa de inserción laboral de homes e mulleres maiores de 45 anos. 

O presidente provincial anunciou que a Deputación “vaise sumar” a este programa cunha axuda de 45.000 euros que quedará reflectida na modificación de créditos que se presentará ao pleno de abril. 

Un apoio máis á CEO “dentro desa alianza que mantemos en proxectos clave como as axudas á internacionalización ou para a promoción de sectores económicos importantes para a provincia como o vitivinícola”, dixo Baltar.

Para o presidente provincial “é esencial cooperar cunha organización que dinamiza a provincia xerando emprego e riqueza”, indica o comunicado da Deputación, que subliña que Baltar eloxiou a colaboración público-privada, “que non só se cingue ao ámbito económico, como así o demostra a entrada da CEO na organización da Mobile Week”.

Marisol Nóvoa, que estivo acompañada polo secretario xeral da organización, Jaime Pereira, sostivo que este apoio supón “un paso máis coa posta en marcha de novas iniciativas como o citado programa Reactiva, antes centrado nas mulleres desempregadas pero que agora tamén se estende a toda a poboación maior de 45 anos”.

O pleno de abril na Deputación está previsto para o día 29, venres.

NOTICIAS A LIMIA | A Deputación apoiará á CEO para a inserción laboral de maiores de 45...