martes. 08.10.2024

Era unha reunión institucional, case rutinaria, para Emilio González Afonso, o subdelegado do Goberno en Ourense. Mais para Vilar de Barrio supuña a primeira visita dun representante do Goberno, da Xunta ou mesmo da Deputación. Así que Manuel Conde, o alcalde, reuniu a toda a corporación. E durante unha hora e cuarto, os concelleiros e a concelleira estiveron falando e poñendo a Emilio González en situación.


"Un café?", preguntou Manuel Conde ao subdelegado despois de atender ao Diario do Limia tras rematar á xuntanza. "Síntoo, levo algo de présa". Era a unha da tarde e en Vilar de Barrio seguía sen saír o sol.


"Nestes dous anos e medio de mandato, a primeira visita que recibimos é a do Subdelegado do Goberno central. Sabemos cales son as competencias que ten cada quen e por iso intentamos hoxe trasladarlle ao Goberno as necesidades que a propia administración do Estado pode axudarnos a resolver", dixo Conde.


Unha demanda de Vilar de Barrio que parece en condicións de satisfacer o Estado é a renovación das luminarias. "Imos traballar co IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía) neste cambio que permitirá aforro enerxético e reducir contaminación", explicou o alcalde.


O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico parece o interlocutor estatal que máis interese ten en activar Vilar de Barrio. O propio subdelegado explicou que "trasladará" ao Goberno necesidades concretas: obras de saneamento, a través da CHMS (Confederación Hidrográfica Miño Sil). Tamén se referiu a plans de axuda ao asentamento de poboación con axudas para o alugueiro ou mesmo a compra de vivenda.

Somos o interior do interior de Galiza, que xa manda... non?" (Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio)


En realidade, o Subdelegado viña para falar das competencias inmediatas do seu departamento na súa relación cos concellos pequenos: seguridade cidadá e violencia de xénero. Pero tivo que tomar nota de moitas máis cuestións. A extensión da banda ancha, ou as posibilidades de atraer poboación para traballar en todo o que ten a ver cos coidados, por exemplo.

Despois, pola tarde, o gabinete de prensa da Subdelegación informou nunha nota de prensa de que "o Executivo central concederá unha axuda de ata 10.800 euros para a mocidade que decida adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes". E que esta subvención "terá unha axuda equivalente naqueles casos en que se opte polo alugueiro dunha vivenda" en vez da compra. Os beneficiarios e beneficiarias, indica a nota de prensa, serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñen 35 anos ou menos.

Visita do Subdelegado do Goberno a Vilar de Barrio (4)
Parte da corporación de Vilar de Barrio, con Emilio González, trala reunión.


Non foi unha visita rutinaria. A visita, dixo o alcalde, axudará a pór Vilar de Barrio no mapa. "Porque somos o interior do interior de Galiza, que xa manda... non?"


A POLÉMICA POLA RESIDENCIA

Manuel Conde tamén se referiu ás diferencias que o goberno de Vilar de Barrio mantén co Consorcio Galego de Benestar sobre o que debe achegar o Concello ao sostemento do centro de maiores. "Tivemos reunións e queremos seguilas tendo. É certo que temos que dar resposta a unha proposta, pero a nosa vontade é seguir negociando. Para o Concello de Vilar de Santos o mesmo 7.500 euros son moitos cartos..."

Visita do Subdelegado do Goberno a Vilar de Barrio (1)
Conde, falando do conflito co Consorcio pola Residencia de maiores.

Conde explicou ao Diario do Limia que o convenio inicial comprometía ao Concello cos gastos dun centro de día que terminou sendo unha residencia, que o Concello non pode asumir os custes derivados de todas as prazas dese centro de día e que tampouco ten capacidade para soster a parte que o Consorcio lle reclama na residencia. "Se a aposta é pola administración local, que non nos afoguen, porque o Consorcio, se quere, pode afogar este Concello e non quedaría outra que pechar a porta", insiste o alcalde.


 

NOTICIAS A LIMIA | Primeira visita institucional a Vilar de Barrio no que vai de mandato