viernes. 04.10.2024

A só dous días para a celebración en todo o país do Día Nacional de Galicia, o BNG da comarca da Limia reuniu medio cento de militantes e simpatizantes este sábado na carballeira xunto ao Mosteiro de Trandeiras, un lugar que o BNG de Xinzo quere poñer en valor e polo que pulou desde a concellería de Cultura para que sexa obxecto dunha reforma que semella encamiñada. Alí, baixo as sombras dos carballos e con menú e música do país, as nacionalistas xuntáronse no peche do ano político nun verán que ameaza con ser dos máis duros dos últimos anos. 


A vaga de lumes aínda está presente e o deputado provincial Bernardo Varela, un dos convidados á Romaría, comentou para o Diario do Limia unha iniciativa que o BNG levará ao próximo pleno provincial. O BNG pide, a través dunha proposta de Declaración Institucional, que se declaren as zonas afectadas polo lume como “zonas catastróficas” para que se habiliten axudas para que a cidadanía poida recuperar o que perderon e rehabilitar e recuperar zonas afectadas, moitas delas de especial importancia ambiental.

O BNG pedirá no próximo pleno da Deputación un acordo para que se habiliten axudas para que a cidadanía poida recuperar o que perderon nos lumes.


Varela explicou que o que resta de verán é "territorio ignoto", e lamentou que "parece que este estado de abandono interésalles a algúns" sinalando algunhas causas dos lumes, como o abandono do territorio polo despoboamento no rural. Varela pediu que se aceleren as medidas de prevencións, como a contratación de brigadas, e demandou un debate social amplo para poñer "solucións estruturais" á cuestión dos lumes. 


A deputada no Parlamento galego Alexandra Fernández e o deputado provincial Bernardo Varela compartiron mesa e romaría con varios cargos da organización na Limia; entre eles, Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura en Xinzo; Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio; Jonatan Rivas, responsábel comarcal; Marcos Nogueiras, responsábel do BNG en Vilar de Santos; e Carlos Pérez, responsábel local en Xinzo. 

Romaría nacionalista na Limia, en Trandeiras, este sábado (1)
A Romaría nacionalista reuníu a medio cento de militantes e simpatizantes.

Alexandra Fernández valorou pola súa parte outro das ameazas ao rural máis inmediatas, a invasión eólica. Reiterou que o BNG non está en contra das enerxías renovábeis, pero que pide unha revisión do "obsoleto" Plan Sectorial Eólico e unha distribución "razoábel" das infraestruturas que se precisen. Fernández subliñou que a situación actual, que tamén define como "invasión" é inxusta mesmo desde o punto de vista económico xa que "só o 5% dos beneficios que xeraría toda a produción proxectada ficaría no país".


Na Limia, o BNG aínda ten por decidir as cabezas de lista nas municipais de maio do próximo ano. Nunha entrevista co Diario do Limia, Ramiro Rodríguez deixou aberta a porta a súa continuidade en Xinzo. En Vilar de Santos, con forte implantación nacionalista, o liderado parece decidido despois da integración dos independentes que gobernan o concello con Antonio Míguez á fronte. En Vilar de Barrio o BNG aspira a manter a alcaldía; mentres en Trasmiras o obxectivo é aumentar a representación. No resto de concellos, a organización traballa para volver ter candidaturas. Algunha parece xa moi avanzada e podería presentarse en cuestión de semanas. 

Romaría nacionalista na Limia, en Trandeiras, este sábado (8)
O concelleiro de Cultura de Xinzo, á esquerda, fixo parte do grupo de músicos que animou á Romaría.

NOTICIAS A LIMIA | “Parece que este estado de abandono interésalles a algúns”