lunes. 09.12.2024

[ACTUALIZACIÓN DAS 20:30 HORAS]

Lumes activos en Baltar, un en Abades (afecta 20 hectáreas) e outro na parroquia de Vilamaior da Boullosa, "que tamén entrou dende Portugal", informa a Xunta, e que xa levaba queimadas unhas 40 hectáreas.

Os incendios de Calvos de Randín (Randín), e Entrimo (Venceáns), dentro do Parque Natural do Xurés, déronse por extinguidos. Afectaron a unhas superficies de 10 e 40 hectáreas, respectivamente.

Dos focos de Cualedro segue sen haber constancia pública oficial. A estes, engádese outro en Sarreaus, na parroquia de Codesedo.

Este domingo hai incendios tamén na Gudiña (extinguido, di a Xunta, que estima 60 hectáreas afectadas), Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Trives. No caso da Gudiña tamén foi un incendio que empezou en territorio portugués.

VÍDEO DA BRIF DE LAZA NUN LUME EN BALTAR: 

 

[ACTUALIZACIÓN 16:00 HORAS]

Os lumes na Serra do Larouco, en Sabucedo e en San Paio fan de Baltar o concello máis castigado polos incendios este último domingo de xaneiro. Nos tres casos, parece que o lume se iniciou na parte portuguesa da raia, onde arde o monte desde hai uns días sen que interveñan medios aéros, que tamén son escasos no operativo galego. 

No Xurés os incendios que continúan activos desde a pasada noite están localizados nas parroquias de Prado (Muíños) e Venceáns (Entrimo). Ademais do que afectaba a Calvos de Randín, en Rubís. Os tres, dentro do Parque Natural do Xurés. O fume era visíbel desde toda a comarca da Limia a primeira hora desta mañá, empurrado polo vento cara o leste.

En Cualedro, ao incendio declarado a noite pasada na parroquia de Montes, sumouse este domingo pola tarde outro na parroquia da Xironda.

Nume de fume dos incendios no Larouco e no Xurés, esta mañá sobre a LimiaNube de fume dos incendios do Larouco e do Xurés, ás oito da mañá sobre a Limia.

[INFORMACIÓN DAS 07:00 HORAS]

Coincidindo coa entrada en vigor da prohibición de queimas por parte da Xunta e despois dunha semana de incendios en Terras de Bouro e Montalegre, o lume provocou a primeira vaga do ano na Limia e na Baixa Limia. A Consellería de Medio Rural informou a media tarde do sábado dun incendio forestal no concello de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou en Galicia procedente de Portugal e que afectaba ao Parque Natural do Xurés.

Xa de noite, rexistráronse máis avisos por lume en áreas do Parque Natural: en Queguas (Entrimo), Rubiás (Calvos de Randín) e nas Gralleiras (Muíños). Ao parecer, consecuencia algún deles de incendios que comezaron do outro lado da raia. Tamén se deu alerta por un incendio que pasou de Portugal no Larouco e afectou o concello de Baltar, e dous máis na parroquia de San Paio de Araúxo, en Lobios; e en Montes (Cualedro).

Un día antes, o venres, a Xunta viña de anunciar o despregue dos integrantes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), e a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia, en vigor a partires das 00:00 horas do sábado.

Para este domingo está convocada en Baltar unha marcha cívica en Defensa do Larouco diante dos varios proxectos de instalación eólica na serra que desde finais do ano pasado están a ter contestación veciñal.

LUME EN SAN MARTIÑO

Minutos despois das 6:30 horas, o servizo de emerxencias informaba doutra alerta por lume, á sétima nas últimas horas na zona. Desta volta, na parroquia de San Martiño do Peros, no concello de Baltar, unha parroquia que está entre as afectadas polo proxecto de Iberdrola de construír unha central eólica con afeccións aos dous lados da raia.

 

 

INCENDIOS A LIMIA | Primeira vaga de lumes este ano na raia, varios pasaron desde Portugal